Xogade Xogade Xunta de Galicia Xogade

Xogade

A campaña de actividade lúdico deportiva XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma, dáselle así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva da Xunta de Galicia: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás.

O programa XOGADE combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia. Este é o camiño que segue a  Secretaría Xeral para o Deporte cara a un deporte humanista, educativo e saudable.

Apóstase por un modelo deportivo orientado á participación, que se axusta ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte.

O obxectivo primordial desta concepción do deporte será a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurando que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.

A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, convoca o programa XOGADE no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño.

Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poderán inscribirse se o desexan, os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

OBXECTIVOS DO PROGRAMA XOGADE

1. Incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo das poboacións escolares, con especial incidencia no colectivo de nenas.

2. Beneficiarse do gran potencial educativo e formativo das actividades físico-deportivas e que prime a participación por riba da competitividade.

3. Impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte.

4. Manter ou mellorar o estado de saúde a través da adquisición de hábitos de vida activos e saudables.

5. Permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos, o desenvolvemento das diferentes calidades físicas, así como a transmisión de hábitos, actitudes e valores.

6. Potenciar o xogo limpo e a deportividade.

7. Potenciar os xogos motores como instrumento base da educación.

8. Introducir os/as nenos/nenas en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global.

9. Facilitar a comunicación e a convivencia dos nenos/as independentemente do nivel de práctica de cada un deles.

10. Fomentar a práctica de actividade física como hábito saudable necesario na sociedade actual.

11. Posibilitar que os nenos e nenas se divirtan realizando actividade física.

12. Acercamento aos escolares galegos das estruturas deportivas con actividade na súa localidade.

13. Fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son, popularmente, empregados na nosa sociedade.

14. Promover a educación en valores a través do gran potencial educativo do que dispón o deporte como a tolerancia, o respecto aos demais e ás regras, o esforzo, a superación, a cooperación e a confianza, entre outros.

 

ACTUACIÓNS DO PROGRAMA XOGADE

1.Actividade deportiva escolar: programa de actividades nas que os escolares, sen licenza federativa, poden escoller entre as modalidades deportivas de atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través , duatlon, fútbol sala, orientación, patinaxe artística, piragüismo, tenis de mesa, voleibol, xadrez,  xogando co atletismo e multixogo 6 a 8.

2.Actividade deportiva federada: apoio ao deporte federado en idade escolar.

3. Coñece o meu club: Con este programa preténdese facilitarlles aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa poboación, ofrecerlles así unha alternativa de ocupación para o seu tempo libre, e fomentar a práctica da actividade física entre a nosa poboación escolar. Poñemos así en mans do noso alumnado a maior cantidade de recursos posibles, que lles axuden na consecución de hábitos cada vez máis activos e saudables

4. Xogos populares: Exposición itinerante en centros educativos con material didáctico de xogos (Expositores para colocar no centro escolar, Baúl de xogos e Unidades didácticas).

5. Proxecto Deportivo de Centro: colaboramos co Plan Proxecta da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional; e coa Fundación Deporte Galego. Trátase de promover a actividade física a través dunha acción global e transversal no que se implique todo o centro educativo no aumento da actividade física e na promoción de hábitos de vida saudables. Búscase achegarnos á recomendación de Actividade Física Diaria da Organización Mundial da Saúde.

6. Xogando coa auga e co vento: Esta actividade nace para dar cabida a un conxunto de proxectos que se veñen desenvolvendo en diferentes puntos da nosa xeografía coa finalidade de acercar aos escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como é son o MAR e os RÍOS. O denominador común destes proxectos será o emprego da auga, do vento, da vela, do remo e do surf como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas, contidos transversais entre diferentes áreas sen deixar de promover e fomentar a actividade física na súa vida cotiá.

7. Seguro Federado de 6 a 16 anos. A Xunta de Galicia proporciona un seguro deportivo gratuíto para todos os federados de 6 a 16 anos. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente, o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

 

Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Secretaría Xeral para o Deporte
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar 15781 Santiago de Compostela TLF. 881 99 63 63

Galicia