Xogade Xogade Xunta de Galicia Xogade

Novas

02/01/2019

CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE BALONMÁN

As seleccións infantís, cadetes e xuvenís, femininas e masculinas, marcharon onte a Valladolid onte terá lugar durante seis días os devanditos campionatos.

 

As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas participarán nos campionatos de España de seleccións territoriais destas categorías que se celebrarán en Valladolid entre os días 2 e 7 de xaneiro. Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita, que rematou esta fin de semana cunha última concentración en Mondariz. A expedición galega está formada por máis de 130 persoas (deportistas, técnicos, árbitros e delegados), que viaxan esta tarde en tres autobuses dende Vigo, Pontevedra e A Coruña. A competición comezará o día 2 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario: 

Infantil feminino. Galicia, que o ano pasado foi sétima clasificada no Campionato de España, está incluída no grupo B xunto a Cataluña, Navarra e Euskadi. O primeiro partido celebrarase o día 2 contra Euskadi a partir das 12:00 horas. A adestradora Laura del Castillo expresou a súa satisfacción pola actitude das xogadoras durante a preparación “entregadas dende o minuto un a calquera cousa que se lles pedía”. O seu obxectivo é saír a competir en cada encontro: “o principal e único obxectivo é competir todos os partidos baixo calquera adversidade. Competir!”. Do seu equipo destaca “a unión do grupo, o xogo rápido e dinámico”. As seleccionadoras son Laura del Castillo e Yolanda Correa.

Infantil masculino. Galicia parte da Copa de España, polo que o primeiro obxectivo é acadar o ascenso para poder loitar polo título. Na primeira fase da Copa os minigalaicos terán que superar á Rioxa. O primeiro partido será o día 2 ás 12:00 horas. O seleccionador Adrián Menduiña explicou que o primeiro obxectivo é o ascenso, “pero se o conseguimos, xa non nos poñemos metas. A presión xa estaría fóra e cada partido sería un logro”. Menduiña destaca que “temos un bo grupo, tanto dentro como fóra do campo e co que temos que marcar as diferenzas é coa intensidade defensiva e a subida rápida do balón”. No aspecto negativo, que aínda lles custa ter rigor táctico. Os seleccionadores son Adrián Menduíña e Carlos Rodríguez.

Cadete feminino. Tamén parte da Copa, polo que o principal obxectivo é “acadar o ascenso. ao Campionato de España e poder competir contra as mellores seleccións do país”, explicou a seleccionadora Ana Alonso. O primeiro partido será o día 2 (12:00 horas) contra Murcia. Alonso destaca “a implicación do grupo á hora de asumir o traballo proposto. Cremos que será clave á hora de competir no CESA 2019, así como a unión do grupo”. Os técnicos son Abel González e Ana Alonso.

Cadete masculino. A selección galega forma parte do grupo B xunto con Cataluña, Asturias e Euskadi. Durísimo o primeiro choque (12:00 horas), xa que os galegos terán como rival á selección catalá. O adestrador Pablo Pérez está moi satisfeito do traballo realizado durante estes meses: “As concentracións servíronnos para traballar intensivamente, coñecer mellor os nosos xogadores e estamos moi satisfeitos”. O seleccionador destaca que “Temos un grupo moi bo, con mozos que se coñecen desde hai anos e que teñen un ambiente moi san. Ademais, é unha xeración con moito talento, polo que tentaremos facer un bo campionato”. O pasado ano Galicia foi sexta clasificada. Os seleccionadores son Pablo Pérez e Xosé Canedo.

Xuvenil feminino. Galicia forma parte do grupo A, xunto a Madrid, Euskadi e Castela e León. O primeiro choque enfrontará ás rapazas dirixidas por Miguel Sánchez e Laura Rúa contra Castela e León (12:00 horas). Laura e Miguel destacan que “temos xogadoras moi dinámicas, con calidade técnica, e con experiencia competitiva,. xa que moitas delas xogan cos seus clubs co equipo de maior categoría”. Os seleccionadores pensan que o primeiro obxectivo é pasar a fase de grupos e despois “loitar polas medallas, aínda que a competición pon a cada un no seu sitio”. Galicia foi sétima o pasado ano.

Xuvenil masculino. Complicado o grupo A para o noso combinado, xa que terá como rivais a Cataluña, Comunidade Valenciana e Navarra. O primeiro choque para o noso equipo, contra Navarra (16:00 horas), será clave. O seleccionador Dani Benaches asegurou que van ir partido a partido: “O primeiro obxectivo que temos é pensar e fixarnos no primeiro choque e así sucesivamente. O único obxectivo que temos claro é que imos pelexar ao máximo en cada encontro e deixar o nome de Galicia o máis alto posible”. Benaches define así o seu grupo: “Tentamos formar, dentro das posibilidades, unha selección comprometida e que os xogadores sexan capaces de captar os aspectos do xogo que lles propoñemos. Non foi fácil, pero imos polo bo camiño. O aspecto defensivo será o que nos marque o camiño e onde os xogadores teñen que gozar”. Os seleccionadores son Daniel Benaches e Javi Díaz. O pasado ano, no Campionato celebrado en Galicia, os galaicos acadaron a medalla de bronce.

Mila Alonso

Responsable de Comunicación FGBm

Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Secretaría Xeral para o Deporte
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar 15781 Santiago de Compostela TLF. 881 996 363 deporte.escolar@xunta.gal

Galicia