Xogade Xogade Xunta de Galicia Xogade

Novas

10/07/2017

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE CICLISMO

A Selección de Galicia colleitou un ouro e dous bronces na primeira xornada dos Campionatos de España de Idade Escolar

 

Carla Fernández proclamouse campioa de España cadete de contrarreloxo individual na primeira xornada dos campionatos estatais de Idade Escolar. A corredora do Marín - Ottoman non foi a única representante da Selección de Galicia que subiu ao podio este sábado en Ávila. O equipo feminino cadete de BTT colgou o bronce e Miguel Ángel Mera acadou a mesma medalla na contrarreloxo cadete. Este balance do combinado autónomico puido ser maior de non ser por unha avaría mecánica que impediu a vitoria do biker Carlos Canal cando encabezaba con solvencia a carreira cadete. 

"Dixérome que estaba entre as favoritas pero non me esperaba gañar. Aínda non mo creo", indicou Carla Fernández despois de impoñerse nos 6,7 quilómetros da contrarreloxo cadete. Marcou un rexistro de 10:36, rebaixando en 10" o tempo de Amaia Lartitegi (Euskadi) e en 14" o de María Brizuela (Castilla y León). Fernández atopouse moi cómoda e "a metade da crono vinme entre as tres primeiras porque levaba moi boas pernas. Cando na meta me dixeron que fixera o mellor tempo... foi demasiado". Antía Crende, a o outra galega nesta proba, rematou duodécima. 

Nos rapaces cadetes, tamén sobre 6,7 km, Miguel Ángel Mera fíxose co terceiro posto. O ciclista do Cortizo - Anova, actual líder da Copa Galicia, quedouse a 7 segundos do segundo clasificado Carlos Rodríguez (Andalucía) e a 14" do vencedor Juan Ayuso (Comunidade Valenciana), que gañou detendo o reloxo en 09:06. A participación galega nesta crono completouna Daniel Sanín, decimosétimo. 

A primeira das medallas do combinado autonómico en terras abulenses aportárona as bikers cadetes. Co sexto posto de Noela Saa, o decimoterceiro de Aida González, o decimocuarto de Andrea García e o decimosexto de Antía Martínez, a Selección de Galicia obtivo o bronce. As tres corredoras do Academia Postal - Actyon - MMR de Maceda e  a do Cambre - Caeiro estiveron acompañadas no podio representantes de Catalunya, que finalizaron segundas, e polas de Andalucía, que se proclamaron campioas. 

Polo contrario, a fortuna resultou de novo esquiva para Carlos Canal na competición cadete de XCO. Se o ano pasado un golpe de calor o afastou da vitoria, desta vez foi un dobre problema mecánico. Cando lideraba a carreira con dous minutos de vantaxe rachóuselle a cadea. Ese contratempo levouno ata a segunda posición, un posto de podio que non puido manter porque posteriormente sufriu a rotura dunha biela. Canal terminou undécimo, mentres que Marcos Nube Lema ocupou a decimosexta praza, Jorge Fernández a 26ª e Roi López a 32ª.

Infantís

Na competición infantil masculina en liña Rubén Fandiño (23º), Martín González (27º) e Breogán Diz (28º) entraron no pelotón principal e Miguel Rodríguez (50º) concluíu a dous minutos do vencedor. Por equipos, Galicia clasificouse oitava. 

Na carreira infantil feminina ao combinado galego correspondeulle o undécimo posto despois de que Aroa Mediavilla rematara 31ª, Claudia García 35ª, Carla Montoiro 37ª e Laura Teniente 48ª.

Houbo dobre sesión para a categoría infantil porque pola mañá celebráronse as gynkanas con Miguel Rodríguez 14º, Breogán Diz 21º, Martín González 46º e Rubén Fandiño 52º nos rapaces, e Carla Montoiro 27ª, Aroa Mediavilla 38ª, Laura Teniente 52ª e Claudia García 57ª  nas rapazas.

Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Secretaría Xeral para o Deporte
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar 15781 Santiago de Compostela TLF. 881 996 348 / 353 Fax: 881 996 356

Galicia