Xogade Xogade Xunta de Galicia Xogade

Benvida

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte.

Dicía o filósofo alemán Frederich Nietzsche que “a madurez do home é recobrar a serenidade coa que xogabamos cando eramos nenos”. O deporte e os xogos en xeral outorgan ás persoas unha infinidade de beneficios, tanto físicos como sociais. A actividade física realizada cos nosos iguais danos esa capacidade para interactuar, para aprender leccións de vida. Unha actividade que empeza de xeito temperá e debe acompañar o noso crecemento durante toda a nosa vida.

Dentro do deporte entra toda aquela actividade física regulamentada, normalmente de carácter competitivo, que pode mellorar a condición física. Pero o deporte é moito máis que unha actividade que mellora as nosas condicións. O deporte é benestar, é xogo, é disciplina, é formación.

Os hábitos deportivos son os que deben imperar na nosa sociedade para mellorar a calidade de vida no noso país. O deporte é a menciña do século XXI. Unha menciña que frea o aumento de enfermidades, discapacidades e mesmo de mortes provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física. Queremos crear as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.

O deporte é transversal e plural, non ten xénero nin idade e acolle a todos por igual. Por iso é tan importante ensinar estes valores aos nenos e nenas de hoxe, adultos de mañá. Que os nenos e nenas medren con hábitos de vida saudables e con xogos que afiancen o seu sentido do esforzo, do respecto ou da xustiza, só pode xerar efectos positivos na nosa sociedade.

O deporte base é o xerme das nosas actuacións. Fomentar o deporte nos máis novos e novas garántenos contar con bos deportistas e atletas no día de mañá, e o que é máis importante, consolidar eses hábitos que mellorarán a calidade de vida de todos os nosos cidadáns.

O programa XOGADE é a nosa guía neste camiño. Un programa que pon de manifesto o traballo levado a cabo conxuntamente coas Federacións e Agrupacións Deportivas Escolares galegas e que recolle toda a actividade deportiva e lúdica, en idade escolar promovida e promocionada dende a Xunta de Galicia.

A importancia do programa Xogade para a Xunta de Galicia referéndase co seu peso nos Orzamentos da Secretaría Xeral para o Deporte. Falamos de case 2,6 millóns de euros destinados ao deporte escolar en concepto da organización de actividades, transportes e seguros. Porque o único xeito que coñecemos para que un neno ou unha nena faga deporte é nunhas condicións de total protección e seguridade a través dunha oferta ampla e variada. A Xunta garante os seguros deportivos para os rapaces e rapazas entre 6 e 16 anos destinando 1,7 millóns de euros para 2019 nesta materia.

Os nenos e as nenas de Galicia son a nosa materia prima máis valiosa, deben elixir o seu camiño no deporte sen atender a criterios maioritarios ou minoritarios. A nosa oferta debe ser todo o ampla que sexa posible para non deixar a ningún rapaz ou rapaza sen a súa actividade física. Por iso promovemos actividades como o atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, duatlón, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo, tenis de mesa, voleibol ou xadrez.

Porque todo neno ou nena ten o dereito e a obriga de xogar. Desde a Xunta de Galicia cúmprense todas as esixencias para que sexa posible.

Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Secretaría Xeral para o Deporte
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar 15781 Santiago de Compostela TLF. 881 99 63 63

Galicia